Mercado de Monte Alto

Avanzan as obras do movo Mercado Municipal de Monte Alto

A alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, supervisou as obras do mercado municipal de Monte Alto, onde xa se executou máis do 25% do proxecto. O novo mercado contará cunha reconfiguración que permitirá gañar máis de mil metros cadrados de prazas públicas e duplicar a superficie dispoñible para a Escola Infantil Municipal na súa nova localización.
Avanzan as obras do movo Mercado Municipal de Monte Alto
Inés Rey no Mercado de Montealto
Inés Rey no Mercado de Montealto

A transformación do mercado municipal de Monte Alto está en pleno avance, segundo destacou a alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, nunha visita ás obras do novo mercado. O proxecto, que xa supera o 25% de execución, prevé unha reconfiguración completa tanto do edificio como dos seus exteriores, co obxectivo de mellorar os espazos públicos e as instalacións educativas na zona.

Entre as novidades máis salientables, destaca a preparación dos forxados na metade da planta superior para completar a estrutura do novo mercado. Esta parte superior albergará tamén unha nova marquesiña de transporte urbano, ampliando significativamente o espazo para os usuarios. Ademais, iniciarase en breve a preparación do forxado para a construción da nova Escola Infantil Municipal, que duplicará a súa superficie e gozará dunha ubicación máis luminosa e ampla.

A rexedora destacou tamén a importancia da reconfiguración dos espazos públicos, coa creación de máis de mil metros cadrados de prazas públicas nos arredores do mercado. Esta remodelación permitirá unha maior humanización do espazo, con árbores de gran porte na avenida de Hércules e a peonalización da rúa Joaquín González. Inés Rey subliñou a importancia de crear espazos permeables e integrados coa contorna, en contraposición á arquitectura pechada do pasado.

As obras avanzan segundo o calendario previsto, e a alcaldesa confía en que o novo mercado estea rematado a finais do vindeiro ano. Para facilitar a información á cidadanía, habilitáronse tótems informativos táctiles na contorna do edificio, así como recreacións que axudarán a visualizar o resultado final do proxecto de modernización do mercado municipal de Monte Alto.

Avanzan as obras do movo Mercado Municipal de Monte Alto